A MICROTOPONIMIA DA PARROQUIA DE ABELLEIRA.
 

Xosé Vicenzo Freire Lestón. Dpto.Historia Contemporánea. Universidade de Santiago.

   

    Dentro dos estudos de toponimia hai un sector que é dos menos coñecidos: a microtoponimia.
    Entendemos por microtoponimia menor os nomes de lugar que aluden a entidades de poboación mínimas, inferiores á parroquia (lugares), nomes de terras de cultivo (leiras), agras, herbais, montes, ríos, praias e outros "topoi" menores.
  A recollida destes nomes ten unha serie de problemas:

    1. A grande cantidade de nomes, nalgúns casos de minúsculos terreos, só coñecidos polos labregos. Non é estraño, que un mesmo lugar teña varios nomes, segundo quen sexa o interlocutor.
    2. A falta de documentación dos s. IX, X e XI en moitos casos, o que fai especialmene difícil a reconstrucción dalgúns dos topónimos. A documentación pode darnos, cando esta é completa, unha visión diacrónica do nome do lugar; pois non son poucos os casos nos que este está moi enmascarado; un exemplo témo-lo en: Vilouchada -de Villa ustulata (quemada)-, cunha evolución anormal.
    3. A desidia das institucións oficiais adicadas á investigación e á docencia, que non fomentan como é debido estas esculcas, medio ben axietado para que os estudantes encenten o arduo traballo investigador, cara á formación dese tan necesario como desexado ATLAS TOPONIMICO DE GALICIA.
    A estes problemas engadiríamos asimesmo, a dificultade intrínsica desta angueira, que esixe do investigador unha fonda preparación dos máis diversos ámetos científicos: historia, lingüística, botánica, agraria, etc.
E aínda un quinto problema constitúeo a escasez de obras de consulta na nosa língua. Compriría a traducción dos clásicos alemáns sobre o tema: Piel, Pokorny, Meyer-Lubke, cos seus repertorios de xermanismos, celtismos, etc.
    Despois destes preámbulos sobre as dificultades coas que se atopa o estudoso da toponimia, pasarei a describir o noso obxecto do estudo neste artigo.

    ABELLEIRA é unha entidade de poboación (parroquia) duns 700 habitantes, pertencente ao concello de Muros e situada a uns 7 kms. do termo municipal, sendo atravesada de sur a norte pola estrada Santiago-Muros.
Trátase básicamente dunha comunidade, orientada cara á agricultura de subsistencia e á emigración, sendo a pesca moi pouco importante.
A primeira referencia que atopamos da parroquia de San Estevo de Abelleira data de 1607 co gallo da visita que o cardeal Jerónimo del Hoyo xirou á vila de Muros; este eclesiástico afirma que a parroquia, neste intre, tiña 29 fregueses. Non obstante, case diriamos que fala de oidas, pois cando fai referencia a ermida de San Lourenzo, hoxe en ruínas, dinos que se atopa no cumio dun monte, cando a súa situación verdadeira era no fondo do val.
A estas breves reseñas engadiremos que entre os fillos sobranceiros desta parroquia atópase o frade franciscano Xesús María Lestón Abeijón (1876-1929), escritor e persoa que acadou altos cargos na orde que fundara o santo de Asís.
    E despois desta breve descrición pasaremos a deseñar a lista de topónimos do entorno parroquial, con algunhas hipóteses interpretativas no caso dos lugares habitados. O resto (os microtopónimos), serán agrupados por denominacións xeográficas maiores ( montes, ríos, terras de cultivos, etc.).

PARROQUIA

    Abelleira co anexo de San Xián de Torea, que hoxe non estudaremos.
Para a orixe do nome Abelleira, compriríamos localizar documentos do período medieval, con fin de establecer a evolución do nome. Cos datos de hoxe e seguindo a Moralejo, derivaríamo-lo de apicularia (lugar de abellas).

LUGARES:

-Bornalle: Lugar principal da parroquia. A forma -born- relaciónana Menéndez Pidal e Moralejo con -borm- e -born-, atribuíndoa a un sustrato ilirio-ligur. Consérvase hoxe en día esta partícula no nome Pazos de Borbén. Aludiría a fontes termais ou fervedoiros, cousa que hoxe non conservamos. A forma "-alle, -elle" é un sufixo xermánico.
-Abelleira: (Lugar central da parroquia).
-Sorribos: Lugar preto do mar. Nome de praia, trasladado a unha entidade de poboación de nova criación. Posiblemente de "súb-rivus"; existe noutros lugares de Galicia a forma Sorribas de sub ripas.
-Mondelo: A primeira partícula "Mond" parece ser, segundo Abelardo Moralejo, a forma xermánica "munda" (protección).
-Priegue: De incerta etimoloxía.
-A Pontenova.
-O Pazo: Neste lugar aínda se conserva un pazo con escudo, e a familia que alí habita son coñecidos polo alcume de "Fidalgos".
-A Robaleira: De dubidosa etimoloxía. Existíu no século XIX no pobo a familia dos Robalos. Podería aludir a unha propiedade desta familia. Este mesmo topónimo repítese en Vilarrube (Valdoviño).
-A Rateira: Lugar atravesado por un río. Etimoloxía dubidosa.
-A Serreira: Lugar onde antes había unha serreira..
-A Capela.
-O Vilar.
-Lestón
: Derivado de Lesta (nome dunha planta). Consérvase a forma, en apelidos: Lestón, e en lugares: Lestedo e Lestelle.
-A Ponte da Braña: Nome dunha ponte e dun pequeno lugar dunha única casa. O nome aludiría a que ponte está tendida sobre as terras encharcadas (brañas).
-Burreiros: De dubidosa etimoloxía.
-O Campo.
-O Cruceiro
.

RIOS:

-Ricouso ( Recouso): Nome do río na desembocadura.
-Rateira.
-Río de Lamas.
-Río de Cabanelas.


PRAIAS:

-Mondelo.
-Liñares.
-Bentín:
(Ventín).
-Area Triga.
-Os Seixiños
: Praia repleta de seixos.


TERRAS DE CULTIVO (AGRAS E LEIRAS):

-Agro da Lendia: Antigamente estaba dedicado a monte.
-Agra do Fondo: Situada no lugar de Sorribos.
-Agra Boa.
-Agriña.
-Agrado Medio.
-A Devesa
: Agra cercada.
-O Barouteiro: Zona de leiras.
-O Barroso.
-Cabanelas.
-Casa de Neve
: (¿Nebe?).
-A Cruz.
-A Cancela Vella:
Terreos cercados.
-Currás.
-Cabral:
(Sobral).
-O Cubulo.
-A Cruz da Misión
: A beira hai unha cruz dunha misión dos primeiros anos da postguerra.
-Os Corbaces.
-Cruxo.
-Os Costados.
Terras de cultivo en pendente.
-Entre os Camiños.
-Tras dos Casais.
-Espiñeiro.
-As Enfestas.
-As Francas.
-O Fial.
Antigas terras de cultivo, hoxe a monte.
-Riazón.
-Agra do Barreiro.
-Aquela Banda.
-San Lourenzo.
-A Peza Máis Redonda.
-As tres Puntas.
-A Horta dos Pinos.
-A Horta dos Cebolais.
-Lamas.
Terreo encharcado.
-A Leiriña.
-A Moreira
. Zona de mato á beira do río.
-As Moas.
-Outeiro Gordo
. Terreos e monte intercalados, separados por un grande Outeiro.
-O Grixario. (Igrexario),
-A Punta. Accidente xeográfico.
-Portela da Agra Boa. Zona de leiras que separa dúas agras, arredor dun cruce de camiños.
-O Tallo da Maseira.(Maceira).
-Rebouzas.(Ribouzas).
-O Rial.
-Os Rebouxos
. Antigas terras de cultivo, hoxe a monte
-O Salto.
-As Senras.
-As Uchas.
-Figueiroa.
-Codeseira.

MONTES:

-Cepido.(Sepido).
-Laxas Brañas.
-O Porco Morto.
-A Costa.
-A Labandeira.
-Bicos de Lago.
Monte alto que cae a pico sobre o mar.
-Bouzas de Grixa. Zona de montes con pequenas leiras intercaladas. Alude seguramente a terras da igrexa, pois aínda que non pretendemos entrar agora na análise etimolóxica, é evidente que grixa constitúe unha variante de igrexa.
-O Castriño.

HERBAIS:

-A Braña.
-As Laxiñas.
-Os Lameiros.
-Herbal do Muíño Novo.
-As Xemias.
-Va de Coído.
(Val de Coído).

FONTES:

-Fonte Xontís.
-Fonte do Lameiro.
-Fontenlos.
-A Fontiña.
-Semorto.

MUÍÑOS:

-Muíño do Campo.
-Muíño do Pazo.
-Muíño da Agriña.
-Muíño Queimado.
-Muíño Vello.
-Muíño do Tarabelo.
-A Moíña.

    Despois deste breve resumo da microtoponimia de Abelleira (Muros), ao que espero unir axiña ó das outras parroquias do Concello, cara á elaboración dun estudio toponímico posterior no que entraría xa, Deus mediante, a análise etimolóxica.

   
© A.VV. "A Ostreira" Abelleira 2005