UN EXEMPLO DE AGRUPACIÓN DE HÓRREOS:  
BORNALLE, ABELLEIRA, MUROS. (ver fotos)


LIMIAR: AS AGRUPACIÓNS EN GALICIA.

O emplazamento dos hórreos en Galicia presenta variacións estando, en xeral, en relación coa estructura da aldea. É doado observar hórreos colocados xunto á casa, na horta, onde a eira, aillados uns dos outros, pero tamén se poden atopar xuntos nun mesmo espacio.
LORENZO FERNÁNDEZ afirma que un hórreo pode ser construído en calquera sitio público, "por esto é frecuente atopar nas nosas aldeas grupos máis ou menos numerosos de canastros, en certos recantos, que dan a impresión de pequenos poboados, xa que cantos veciños poden arman alí os seus canastros para aproveitare aquiles sitios que non teñen outra utilidade".
GIMSOM (1974) sinala a existencia de agrupacións preto das aldeas antigas como por exemplo Betanzos e Combarro. Outras preséntanse en A Merca, Vilanova dos Infantes e Avión na provincia de Ourense, Sendón (Muxía) na Coruña e Seixido en Pontevedra (BAS LÓPEZ, 1978) e RAMÓN FERNÁNDEZ OXEA (1968) fálanos das agrupacións na zona de Santa Marta de Moreiras, en Ourense, así como FEDUCHI (1975) en Vilar do Barrio na mesma provincia e FRANKOWSKI (1918) en Betanzos (A Coruña).
Ocupámonos neste traballo de dúas agrupacións existentes no lugar de Bornalle, na parroquia de Abelleira; este non é un caso de agrupación en terra comunal, senón un bo exemplo de compartimentación da terra onde se asentan os hórreos.


DESCRICIÓN DAS AGRUPACIÓNS.

Os hórreos de Bornalle, como xa dixemos, están emplazados con maior ou menor integración, en dúas agrupacións; preto desta aldea está o lugar do Vilar onde tamén existe unha pequena agrupación emplazada o Suleste da aldea; dela non imos a tratar aquí, senón soamente sinala-la súa existencia.
Chamaremos agrupación A a aquela que está ó Suleste da aldea e B a situada no Norleste (fig.2); de tódolos hórreos, só dous non están integrados en ningunha delas. A primeira está formada por hórreos moi xuntos presentando un aspecto compacto (fig.4), equematizando, diremos que ocupan un rectángulo duns 45x17 mts. de lado; neste rectángulo agrúpanse 12 hórreos de distintos tamaños pero con características arquitectónicas semellantes, como veremos máis adiante. Na súa orientación presentan unha tendencia Noroeste-Suleste na maior parte deles, anque non se pode falar dunha orientación común senón que cada hórreo ten se que adaptar ó anaco de terra que lle corresponde, feito que, segundo os veciños, "non ten importancia pois aquí o vento ven de todas partes". Cómpres suliñar este feito para comproba-la adaptación dos hórreos á compartimentación da terra xa que en Galicia concédese unha grande importancia á orientación dos hórreos para que se cumpra ben a finalidade da aireación.
Poderíamos falar de dúas partes na agrupación B (fig.5). A primeira está formada polos hórreos situados en ámbolos lados do camiño que comunica a aldea coa estrada Muros-Noia; ocupa un rectángulo duns 42x16 mts. de lado, cun hórreo un pouco separado e emprazado entre as casas, como tamén ocurre na agrupación, formada por 7 hórreos dos que un está un pouco aillado; os 6 hórreos ocupan un rectángulo duns 30x12 mts. aproximadamente; todos eles miran cara á aldea, en sentido vertical ó camiño, agás un colocado verticalmente a eles.
Resumindo: dúas agrupacións, de 28 hórreos en total, situadas fóra da agrupación poboaciónal pero, ó mesmo tempo, formando un conxunto con esta xa que non están ailladas, senón que poderíamos dicir que todo o conxunto forma a aldea.

CARACTERÍSTICAS

Orixe e antigüedade

A existencia das agrupacións de hórreos, en termos xerais, obedece a distintas causas. Por unha banda observamos agrupacións en lugares comunais, ás veces xunto á eira; moitas das veces é este un lugar que tradicionalmente empregouse para estes fins xa que é un sito ben ventilado; eira e hórreos atópanse xuntos por comodidade para os veciños que os empregan e por ser este un lugar axeitado para a aireación; así, instálanse neste espacio comunal aproveitando o espacio da casa para outros fins. Outras veces, tal é o caso da agrupación de Bornalle, a estructura da aldea, pecha e densa, impide a instalación de hórreos xunto ás casas; así horta e hórreo constrúense fóra dela. Os dous casos pódense dar xuntos: aldeas pechas con terreo comunal preto onde se instalan os hórreos.
A orixe e antigüedade das agrupacións de Bornalle non a podemos precisar. Os veciños falan de hórreos de máis de 200 e mesmo 400 anos, pero só se poden constatar algúns do século XVIII coa data labrada na mesma pedra (fig.6). Segundo os veciños, os hórreos máis antiguos pertencen á agrupación A; de feito, nesta agrupación aparece un hórreo cunha feitura característica dos hórreos máis antigos.
GARCIA MARTINEZ (1978) afirma que un grande número de hórreos actuais datan do século XVII e XVIII e moitos dos hórreos de Bornalle parece que se poden integrar nestes séculos. De tódolos xeitos só podemos aventura-la hipótese da existencia de, polo menos, un hórreo na agrupación A anterior ós datados no século XVIII, emplazados na agrupación B.

Descripción dos hórreos e denominacións.

Todos presentan as mesmas características arquitectónicas sendo a cantería o único material empregado na súa construcción, a non se-la estructura do teito que é de madeira. En xeral, erguen do chan por medio dunhas pedras, labradas ou non, ou ben pequenos muros, onde pousan os pés, oscilando o seu número entre 2 e 5 pares, pero predominando os que teñen 3 pares, A cada pé corresponde unha capa, en xeral de forma circular coas superficies planas, anque tamén poden te-la parte superior cunha forma convexa, ou presentárense en formas cuadrangulares. Sobor destas, colócanse as pontes que son as pezas que forman a base da armazón do corpo; as paredes deste están formadas por doelas horizontais con regandixas entre elas para facilita-la entrado do aire, que reciben o nome de ventos. Na parte superior e por embaixo do tellado colócanse os topetes ou soborpernas e en ámbolos dous cabos superiores das caras estreitas erguen os testeiros ou topetes por riba do tellado.
Algún levan no cume, encol dos testeiros ou topetes, uns elementos con forma apuntada que reciben os nomes de bicos, remates ou frailes; nalgúns deles destacan as súas dimensións, xa que son moi estreitos e de grande altura, uns 80 cmts., que a partires da aquí escomenzan a darse pola costa mesmo acadando 1 metro de altura, espallándose até Pedrafigueira (Carnota); as cruces non aparecen case que nunca.
O tellado, a dúas augas, é en xeral de tella plana non aparecendo mais ca en dous casos a pedra xa que, segundo os veciños, a tella vai mellor para seca-lo millo ca esta; case non forma veiril sobor do corpo.
A porta pode ir colocada nun lado estreito anque máis a miudo está no ancho, cunha colocación bastante arbitraria, xa que o espacio onde pousan os hórreos é pequeno e haina que por xa que logo, en base a esta limitación. Ás veces preséntanse dúas portas respondendo, a miúdo, á división do hórreo entre dous donos. Emprégase, en xeral, unha escada para subir ó corpo, non observándose en nigún caso escaleira fixa de pedra.
Arquitectónicamente pódense incluir, pois, no que MARTÍNEZ RODRÍGUEZ (1959) denomina "Tipo Noya". Ver fig. 3.
No interior, as pezas van case sen labrar; o piso é de pedra coma as paredes, e o teito presenta unha estructura de madeira cunha viga central colocada ó longo, e outras formando as augas, sendo mais grosas as que están colocadas nos cabos.
O millo colócase cáseque sempre en tarimas de madeira, dependendo o sentido da súa colocación da situación da porta.
As medidas do corpo que máis se repiten, aínda que sempre con algunhas variacións, son 1,50 para o ancho, 4,25 para o longo e 1,80 para o alto, e a altura dos soportes varía dende os 80 cmts. Ata 1,25 mts.A distancia entre os pes non sempre é a mesma xa que depende da lonxitude das pontes.
Polo que toca ás denominacións, cómpre sinalar que , nalgúns casos, déronse nomes por uns veciños completamente descoñecidos por outros, coma son os casos de "fraile" e "testeiro". A construcción completa recibe o nome de hórreo non coñecéndose outra denominación.
Son hórreos con poucos elementos ornamentais; soamente os máis antigo levan, por veces, unha cruz labrada baixo o topete ou ben a data da súa construcción ou as iniciais do nome do seu dono. Nos hórreos mais novos soio se representa, en moi poucos casos, a data da construcción.
Os remates que van no cume pódense considerar coma enfeites que non teñen significado ningún entre os veciños. Segundo estes "son por lujo, por ter un hórreo con máis lujo cos outros (…) a cruz… pois é o mesmo, en Galicia hai moitas cruces e … non sei… sería tamén de lujo". A cruz non aparece máis ca nos hórreos antigos, mentres que os de nova construcción, no caso de levaren algún remate, mostran uns bicos moi apuntados. O feito de que os hórreos máis antigos leven cruces poden ser reflexo dunha tradición na que as cruces tiveran certo significado; en todo caso isto é unha hipótese que non puido ser confirmada.

   
           
 
 
© A. VV. "A Ostreira" Abelleira 2005